Categories: Todas as categorias

Lingüística Galega a contribución do Instituto da Lingua Galega  | LaborHistórico | 2017

No curso da súa estadía como investigador no Instituto da Lingua Galega (ILG) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o profesor Leonardo Marcotulio propuxo ás persoas que asinan este limiar coordinar unha sección monográfica – un dossiê – da revista dixital LaborHistórico sobre a traxectoria do dito Instituto, enfocado cara á súa achega ao desenvolvemento da Lingüística Galega actual. O propósito era dar a coñecer o labor do ILG e os avances no coñecemento científico da lingua galega ao público académico brasileiro, e en xeral nos ámbitos de expresión portuguesa. Despois de deliberar entre nós e cos nosos colegas do Instituto, nomeadamente co seu director, Ernesto X. González Seoane, sobre a proposta do profesor Marcotulio, que unanimemente consideramos moi xenerosa e oportuna e merecente da nosa máis profunda gratitude, decidimos re-propoñerlle abrir o foco: parecíanos preferible presentar o contributo do ILG como parte dunha visión panorámica máis ampla dos avances da Lingüística Galega nas últimas décadas, salientando o papel que xogara o noso Instituto en cada un dos ámbitos considerados, e dedicando un artigo específico ao propio ILG. O Editor-Chefe de LaborHistórico acolleu positivamente a reorientación que propuñamos e puxémonos a elaborar un esquema de traballo.

A partir das liñas de pescuda que se contemplan no espazo web oficial do ILG (http://ilg.usc.gal/) e da nosa propia percepción, como investigadores, de cales foron os ámbitos da Lingüística que máis se desenvolveron en Galicia en relación co idioma galego, decidimos encargar traballos específicos sobre as seguintes áreas: Sociolingüística, Dialectoloxía e Xeografía Lingüística, Edición de Textos, Fonética e Fonoloxía, Gramática, Historia da Lingua e Lexicografía. A partir de aí, solicitamos a colaboración dos e das colegas do ILG especialistas en cada unha das áreas. A resposta que obtivemos foi inmediata e entusiasta, o que queremos agradecer encarecidamente desde estas páxinas. Algúns dos colegas que inicialmente manifestaron a súa intención de colaborar víronse imposibilitados para facelo, pero isto non impediu que completaramos o programa previsto. Como resultado, na nómina de autores do dossiê que presentamos figura unha nómina moi representativa do corpo principal de investigadores e investigadoras do ILG, mesmo que por unhas ou outras razóns quedaran fóra colegas igualmente acreditados. Por parte, temos a satisfacción de contar coas valiosas colaboracións no mesmo volume (próximo número) – que se publican fóra do dossiê por motivos estritamente editoriais – dos prezados colegas e colaboradores do ILG, Anik Nandi (Queen’s University / Belfast) e Xoán Lagares (Universidade Federal Fluminense/ Niterói), que completan magnificamente os seus contidos.

Os traballos que presentamos cínxense ao que solicitamos de cada un dos colaboradores. Como xa explicamos antes, trátase de presentar un panorama de avances e resultados da Lingüística Galega nas últimas décadas ata o momento actual e os desafíos coa ollada posta no porvir. Naturalmente, os distintos autores afrontaron o encargo con absoluta liberdade, ofrecendo puntos de vista e opinións persoais –non necesariamente representativos do ILG como tal nin do conxunto de colaboradores do dossiê– e dando conta do encargo que recibiron con total solvencia e perfecto axuste á orientación pretendida, mais desde perspectivas propias e con estilos e acentos particulares. Dous traballos se apartan do esquema xeral, por teren un carácter máis ben introdutorio. En primeiro lugar, o dedicado a “Sociolingüística”, que acordamos que servise de presentación-marco para que o público non familiarizado coa situación do idioma galego teña a posibilidade de coñecela nas súas liñas xerais e se decate de ata que punto o seu contexto histórico e social en xeral, e as dinámicas sociolingüísticas en particular, condicionaron o proceso de desenvolvemento da Lingüística Galega. En segundo lugar, o artigo centrado na traxectoria do propio Instituto da Lingua Galega, que permite enfiar e contemplar global e transversalmente informacións parciais que se ofrecen nas restantes contribucións máis especializadas. Recomendamos a quen opte por unha lectura secuencial do conxunto do dossiê que a inicie por estas dúas achegas.

É unha constante nos traballos que presentamos facer referencia a un punto de arranque que se sitúa na década dos sesenta do século pasado, en que a lingua galega era practicamente descoñecida como obxecto de estudo académico, dentro e – con máis razón fóra – de Galicia. Un descoñecemento inseparable da historia secular de marxinación en todas as ordes (política, económica e social) do idioma, da cultura e do propio pobo galego, que a ditadura franquista (1936-1975) levou ao paroxismo, co obxectivo da súa pura aniquilación mediante procedementos represivos. Outra constante é a referencia ao recoñecemento oficial do galego, no marco da Autonomía de Galicia (1981), e o grande salto adiante que este propiciou en diversos aspectos, nomeadamente no estudo científico do idioma. Das limitacións da política lingüística autonómica trátase en dous artigos do presente volume (número 2) de LaborHistórico (un deles, o de Anik Nandi, publicado fóra do dossiê), de maneira que non imos insistir nelas aquí.

Entre os fitos iniciais do desenvolvemento da Lingüística Galega que son citados nun ou noutro artigo (ou en varios deles) podemos salientar: a creación da Sección de Filoloxía Románica na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago (curso 1962-63), que deu azo para a presentación das primeiras teses de licenciatura e de doutoramento sobre o galego, e o inicio da oferta, con carácter optativo, de estudos de Lingua e Literatura Galega na USC (curso 1965-66), aos que se asocia a publicación dunha gramática (1966) e un dicionario (1967) de ampla difusión ata 1980; a creación do Instituto da Lingua Galega (1971) e a publicación dos primeiros manuais de aprendizaxe do galego (1971-74), a aparición da revista Verba. Anuario Galego de Filoloxía (1974) e a recolla dos materiais do Atlas Lingüístico Galego (1975); a creación da especialidade universitaria de Filoloxía Galega (a partir de 1977); o recoñecemento oficial do idioma galego (1981) e a oficialización das Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego elaboradas conxuntamente polo Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega (1982), a aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983) e a aparición da primeira gramática científica en galego e os primeiros dicionarios unilingües (1986).

Ao longo das dúas últimas décadas do século XX e da inicial do século XXI foise incorporando á investigación e á docencia universitarias un continxente crecente de especialistas en Lingüística e Filoloxía Galegas, non só na USC, senón tamén nas novas Universidades da Coruña e Vigo, creadas en 1990. Por outra banda, a partir sobre todo do ano 2000, a liña de contactos máis ou menos puntuais con investigadores ou universidades foráneos vaise convertendo en política de acordos e colaboracións estables con centros de investigación, na participación –mesmo o liderado– de proxectos internacionais, en intercambios regulares con universidades europeas e americanas, na celebración de encontros e reunións científicas de alcance internacional, no lanzamento de publicacións con proxección cara ao conxunto da comunidade científica. Hoxe o estudos de Lingüística Galega, a pesar das súas lagoas e puntos fracos, atópanse nun nivel inimaxinable hai cincuenta anos e figuran de xeito normalizado no inventario de intereses académicos da Lingüística en xeral e en varias das súas ramas especializadas. Así, na actualidade podemos falar dunha Lingüística Galega recoñecida e consolidade, dun nivel equiparable ao doutras linguas da súa contorna e cun permanente afán de actualización.

En cada un dos chanzos da devandita traxectoria o Instituto da Lingua Galega xogou un papel protagonista. E se, dunha banda, un dos principios axiais do seu programa científico é o pleno recoñecemento do galego como lingua de seu, doutra banda, ese recoñecemento sempre se sentiu solidario dun imprescindible enmarque na súa familia lingüística, da que forma parte principal e máis próxima o portugués con todas as súas variedades nacionais. De aí o empeño constante do ILG por trabar relacións con investigadores e centros de Portugal e Brasil, que no futuro agardamos que se poidan estender tamén a outros países de expresión portuguesa, nomeadamente de África. Van quedando cada vez máis lonxe no tempo, pero seguen ben vivas na memoria, as visitas ao ILG do grande Celso Cunha, precursoras dunha relación que hoxe se prolonga en estadías regulares, sempre gratas e frutíferas – tanto no aspecto lingüístico canto no humano –, de colegas do Brasil, en proxectos conxuntos con universidades brasileiras, en cursos, visitas e participación en reunións científicas de investigadores galegos no Brasil, a onde desde Galicia viaxamos decote con ilusión, e de onde tornamos cada vez máis entusiasmados.

O iniciativa de elaboración e publicación do dossiê que presentamos forma parte, precisamente, dese proceso de estreitamento dae colaboración entre lingüistas galegos e brasileiros. En concreto, é fillo dunha iniciativa que naceu en 2010, ao abeiro do proxecto “Variación e cambio no sistema lingüístico histórico galego-portugués”, financiado polo Ministerio de Educación y Ciencia español e pola CAPES. Ese proxecto foi realizado por un equipo da Universidade Federal Fluminense e outro do Instituto da Lingua Galega da USC. Os responsables galego e brasileiro foron respectivamente Henrique Monteagudo (USC) e Xoán Carlos Lagares Díaz (UFF). Resultado daquela colaboración foi a publicación do volume Galego e Português Brasileiro. História, variação e mudança (Niterói, 2012).

A devandita primeira iniciativa tivo continuidade no proxecto “Galego e Portugués Brasileiro: historia, variación e cambio” (PHBP14/00049), financiado novamente polo Ministerio de Educación e Ciencia do Goberno de España e a CAPES/DGU do Ministério de Educação do Brasil, que se desenvolveu en 2015-2106. Novamente, os responsables foron por parte galega H. Monteagudo e por parte brasileira Xoán C. Lagares. Participaron pola USC Elisa Fernández Rei, Francisco Dubert García, Rosario Álvarez Blanco, Francisco Cidrás Escáneo, Xulio Sousa Fernández e Ernesto González Seoane. Por parte brasileira Maria Jussara Abraçado de Almeida, Paulo A. Pinheiro Correa e Nilza Barrozo Diaz (UFF); Maria Luiza Braga e Leonardo Lennertz Marcotulio (UFRJ) e mais Valéria Gil Condé (USP). A estadía do profesor Leonardo Marcotulio en Compostela que propiciou a programación deste número foi realizada precisamente ao abeiro deste proxecto, e o dossiê que temos o pracer de presentar é resultado, por tanto, del.

Co devandito, coidamos que queda suficientemente explicado o alcance e o sentido do presente dossiê sobre a lingua galega que LaborHistórico tivo a ben convidarnos a realizar. Temos a certeza de que esta publicación redundará nun maior e mellor coñecemento do idioma galego e da Lingüística Galega no Brasil, e contribuirá deste xeito a estreitar aínda máis os lazos, xa firmes, que nos unen. Ese é o noso desexo e a nosa aspiración, non só das persoas que coordinamos a súa elaboración, senón – estamos certos – de todos os seus colaboradores e do conxunto da comunidade científica galega.


Organizadores

Henrique Monteagudo – Instituto da Lingua Galega. Universidade de Santiago de Compostela.

Rosario Álvarez –  Instituto da Lingua Galega. Universidade de Santiago de Compostela.


Referências desta apresentação

MONTEAGUDO, Henrique; ÁLVAREZ, Rosario. Limiar. LaborHistórico. Rio de Janeiro, v.3, n.1, p. 10-12, jan./jun. 2017. Acessar publicação original [DR]

Acessar dossiê

Itamar Freitas

Recent Posts

História, Natureza e Espaço. Rio de Janeiro, v.9, n.1, 2020.

Décima sexta edição. Esta edição foi publicada em 2023 visando o ajuste de publicações em…

2 meses ago

História, Natureza e Espaço. Rio de Janeiro, v.9, n.2, 2020.

Décima sétima edição. Esta edição foi publicada em 2023 visando o ajuste de publicações em…

2 meses ago

História, Natureza e Espaço. Rio de Janeiro, v.12, n.03, 2023.

Vigésima segunda edição. N.03. 2023 Edição 2023.3 Publicado: 2023-12-19 Artigos Científicos Notas sobre o curso de…

2 meses ago

História da Historiografia. Ouro Preto, v.16, n. 42, 2023.

Publicado: 2024-06-19 Artigo original A rota dos nórdicos à USPnotas sobre O comércio varegue e o…

2 meses ago

Sínteses e identidades da UFS

Quem conta a história da UFS, de certa forma, recria a instituição. Seus professores e…

2 meses ago

História & Ensino. Londrina, v.29, n.1, 2023.

Publicado: 2023-06-30 Edição completa Edição Completa PDF Expediente Expediente 000-006 PDF Editorial História & Ensino 007-009…

2 meses ago

This website uses cookies.