Categories: Todas as categorias

Cabalgando nas ondas do Atlántico. Estudos sobre léxico galego e português | LaborHistórico | 2019

A Suzana Cardoso, amante da diversidade. Amiga e mestra inesquecible, sempre no noso corazón e na nosa memoria.

Este volume recolle un ramallete de traballos sobre a variación léxica no espazo galegoportugués, desde distintas perspectivas de estudo e con olladas lanzadas desde Galicia e Portugal, en Europa, e desde O Brasil, na América, cunha paradiña, en tránsito, desde o arquipélago das Canarias. Por iso o seu primeiro título, que lembra a galegos e portugueses incitados por igual a sucar os mares do mundo, e en particular este océano que nos une co Brasil, en permanente viaxe de ida e volta. E por iso, tamén, a dedicatoria a Suzana Cardoso, mestra inesquecible, sempre cos brazos abertos e as dúas mans tendidas, en sinal perpetuo de irmandade.

Non pretende este volume trazar un estado da arte nos estudos de variación léxica neste amplo espazo lingüístico nin moito menos sintetizar os aspectos máis salientables daqueles que merecen ou deberan merecer a atención dos especialistas. Foi concibido, máis ben, con outra dobre intención, máis modesta pero ao noso xuízo igualmente importante: dun lado, mostrarmos o vizo e variedade alcanzados por esta liña de estudo no amplo espazo das ciencias do léxico dentro do noso ámbito lingüístico; doutro, mostrarmos e reafirmarmos un espazo de encontro entre especialistas de aquén e alén mar, na certeza de que os nosos estudos do léxico –sexan a propósito da lingua galega sexan sobre a lingua portuguesa– só alcanzarán o seu máximo nivel contemplando a rica variación no conxunto deste bloque lingüístico. A ninguén se lle escapa, con todo, que no volume que ofrecemos non están representadas amplas áreas de expansión da lingua portuguesa: outras ocasións haberá!

Galego e portugués parten da variedade románica a que deu lugar o latín falado no NW da península ibérica, grosso modo no territorio chamado Gallaecia polos pobos prerromanos (de onde o nome de Galicia, parte substancial dese antigo dominio, e os xentilicios galaico e galego). Parece lóxico pensar, por tanto, que o acervo de léxico patrimonial máis antigo será amplamente compartido polas dúas linguas, e así é; non obstante, obsérvanse variacións territoriais non só na forma, cambiante ao longo da historia por leis fonéticas e morfolóxicas non sempre compartidas, senón no significado. Son numerosísimos os exemplos que se poderían poñer neste sentido, doados de percibir por estaren vivas e vizosas as formas particulares de cada dominio: así, agasalho é de forma xeral para os falantes de portugués unha prenda de abrigo, en tanto que para os galegos o reconforto do agasallo vén polo camiño dos afectos, pois significa ‘obsequio, presente’; en portugués actual o cutelo é unha ferramenta de traballo, moi distinta do coitelo que os galegos usamos na mesa, pois para nós a faca non é tal instrumento máis ou menos elegante senón un tipo de navalla curva usada tipicamente por baldoleiros e outros salteadores de camiños; os galegos non tomamos o leite e o caldo en tigelas senón en cuncas, que poden ser de todos os materiais e feitíos (sempre que manteñan a forma cóncava e sen asas), en tanto que empregamos a tixela ou tixola para cociñar (port. frigideira). Calquera hipótese etimolóxica documentada pasa por tentar reconstruír a historia destas evolucións e diversificacións semánticas, e con elas a nosa historia cultural.

Menos doado é o labor dos investigadores cando nun dos territorios a forma esmoreceu ou desapareceu deixando poucos vestixios do seu paso pola lingua, como pretendemos ilustrar cun só exemplo. No Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués (TLPGP, on-line) documentamos a variante zorollo en Galicia con tres significados diferenciados: ‘abruño, variedade de ameixa pequena e brava’, lematizada como s.m. cerollo; ‘excrementos humanos sólidos’, baixo s.m. zurullo; e un terceiro, a primeira vista enigmático e sen relación cos anteriores, ‘húmedo’ referido ao gran e á palla, por tanto adxectivo e non substantivo masculino. Como lematizarmos este último? Vén no noso socorro a saudosa Suzana Cardoso1 cos seus traballos e informacións sobre sarolhazarolha ‘(terra) humedecida’, voz ignorada polos lexicógrafos con este significado mais ben presente e vizosa no NE do Brasil, con sonora z- ao norte e con xorda s- ao sur; por ela, en pesquisa demorada no tempo (entre outros, Cardoso/Rollemberg 2009 e Cardoso/Mota 2017), viñemos a saber non só doutros significados brasileiros baixo o denominador común ‘levemente húmido, non ben seco’ (farofa, beiju…; ou o millo e as gramíneas, por ‘non madurecido, non aínda en sazón’), senón de pervivencias dos adxectivos zarolho e sorolhento∼sarolhento documentados en Portugal aplicados á roupa (‘mal enxuta’, no Minho), á froita (‘não maduro, verde’, no Alentejo) e ao cereal (no Alentejo e Ribatejo). A estes datos o TLPGP engade aínda, desde o galego, a variante sorulleira aplicado a unha raia ‘que está curada de poucos días’ (ou sexa ‘non aínda ben seca’) e, desde o portugués trasmontano raiano, o verbo acerolhar ‘secar, murchar’ (repárese na grafía dunha consoante xorda). Desde a perspectiva galega engadimos ao debate sobre o étimo catro consideracións: a) a ampla difusión, hoxe dispersa, entre Galicia e o Alentejo, con significados varios dentro do mundo rural tradicional, deixa en suspenso a suxestión dun posible castelanismo feita por Corominas (s.v ACEROLA); b) a hipótese dun *SERUCULUS, diminutivo de SERUS ‘tardío’, apuntada sen convencemento polo mesmo autor, explicaría –olho ∼ –ollo en portugués e galego, pero non en castelán (polo tanto, o préstamo só podería circular en sentido inverso); c) a presenza de interdental /θ/ nas áreas galegas non seseantes (opoñen /θ/ a /s̺/) fai moi improbable a hipótese dun étimo comezado por S-, e o testemuño antigo de çorolha [ts] no Livro de Montaría de D. João I (1415-1433), aduzido por Suzana Cardoso, apunta no mesmo sentido; e d) a vinculación co port. zarolho ‘estrábico, torto’, como punto de partida, non vale para as variedades dialectais ao N do Douro nin para o galego, onde é descoñecida (no seu canto, mirolho, birolhobirollo e outras formas). En fin, quixemos mostrar como raros testemuños dispersos, difíciles de interpretar illadamente, cobran sentido pleno cando se poden poñer en relación uns con outros dentro do diasistema e se poden analizar con perspectiva xeolingüística.

Na selección autorial está representado o territorio. Son unha ducia de contribucións, cinco delas do Brasil, debidas a recoñecidos investigadores e investigadoras, a maior parte moi activos no equipo do ALIB e/ou no TLPGP, e en todo caso desde o campo da variación e a xeolingüística: desde o Pará, Marcelo Dias (https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.26788); desde Mato Grosso do Sul, Elizabete Marques e Aparecida Isquerdo (https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.27076); desde São Paulo, Selmo Junior e Manoel M. Santiago-Almeida (https://doi.org/10.24206/lh.v5i2.27079); desde Minas Gerais, Eduardo Rocha e Maíra Laranjeira (https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.25138); e, finalmente, desde a Bahia, Ana Regina Teles, Marcela Paim e a querida Suzana Cardoso, de saudoso recordo (https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.26865). Desde as illas Canarias, Dolores Corbella, atenta non só á conformación do léxico canario nese universo atlántico, senón á pegada portuguesa (e galega) na lingua e cultural insular (https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.26777). Desde a fachada atlántica da península ibérica, seis capítulos de 10 especialistas en variación lingüística, desde distintas perspectivas e con intereses complementarios: David Rodríguez, desde Galicia (https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.27138); Ignacio Vázquez e Ana Rita Carrilho, en irmandade galego-portuguesa, desde a Beira Interior (https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.27016); João Saramago e Fernando Brissos, desde Lisboa (https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.27056); Isabel Santos, Cristina Martins e Isabel Pereira, observando a lingua mirandesa desde Coimbra (https://doi.org/10.24206/lh.v5i2.26795); Tamara Flores, tamén desde os confíns da Beira Interior, mais transcendendo a raia fronteiriza coa Extremadura española (https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.26898); e José A. González Salgado, desde o Alentejo, esculcando todo o límite do portugués coas variedades hispánicas que non pertencen ao dominio galego-portugués, de norte a sur (https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.26877 ).

O volume complétase con catro contribucións no apartado Fontes Primárias, que reúnen importantes testemuños dos séculos XVIII (https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.29828 ; https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.28369 ; https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.28779) e XIX (https://doi.org/10.24206/lh.v5iEspecial2.29799). Esta sección ten por obxectivo desvelar e dispoñibilizar fontes documentais para contribuír á difusión do seu coñecemento e garantir a súa preservación, ademais de facilitar o traballo dos investigadores.

Notas

1 CARDOSO, Suzana Alice Marcelino; ROLLEMBERG, Vera. E a (nossa) terra continua sarolha?. In: RIBEIRO; COSTA: CARDOSO (ed.). Dos sons às palavras: nas trilhas da Língua Portuguesa. Salvador-BA: SciELO – EDUFBA, 2009. p. 263-281. CARDOSO, Suzana Alice Marcelino; MOTA, Jacyra Andrade. Estudos geolinguísticos: caminhos seguidos no território brasileiro. Lingüística 33-1, p. 89-105, 2017.


Organizadores

Rosario Álvarez

Eduardo Louredo


Referências desta apresentação

ÁLVAREZ, Rosario; LOUREDO, Eduardo. Limiar. LaborHistórico. Rio de Janeiro, v.5, Especial 2, p. 10-13, jul./dez. 2019. Acessar publicação original [DR]

Acessar dossiê

Itamar Freitas

Recent Posts

História, Natureza e Espaço. Rio de Janeiro, v.9, n.1, 2020.

Décima sexta edição. Esta edição foi publicada em 2023 visando o ajuste de publicações em…

2 meses ago

História, Natureza e Espaço. Rio de Janeiro, v.9, n.2, 2020.

Décima sétima edição. Esta edição foi publicada em 2023 visando o ajuste de publicações em…

2 meses ago

História, Natureza e Espaço. Rio de Janeiro, v.12, n.03, 2023.

Vigésima segunda edição. N.03. 2023 Edição 2023.3 Publicado: 2023-12-19 Artigos Científicos Notas sobre o curso de…

2 meses ago

História da Historiografia. Ouro Preto, v.16, n. 42, 2023.

Publicado: 2024-06-19 Artigo original A rota dos nórdicos à USPnotas sobre O comércio varegue e o…

2 meses ago

Sínteses e identidades da UFS

Quem conta a história da UFS, de certa forma, recria a instituição. Seus professores e…

2 meses ago

História & Ensino. Londrina, v.29, n.1, 2023.

Publicado: 2023-06-30 Edição completa Edição Completa PDF Expediente Expediente 000-006 PDF Editorial História & Ensino 007-009…

2 meses ago

This website uses cookies.